Sunday 05 de May de 2024

A titora da Escola Unitaria de Sergude, única candidata galega aos Premios Educa Abanca Mellor Docente 2019 na categoría de Educación Infantil


A súa candidatura foi presentada por nais e pais do CRA Boqueixón-Vedra

Ariana Álvarez Fernández, titora da Escola Unitaria de Sergude, vén de pasar á fase final dos Premios Educa Abanca a Mellor Docente 2019 na categoría de Educación Infantil. Tras superar a primeira criba, de 22 profesionais de toda España, a profesora do centro boqueixanés convértese na única representante galega que opta a este galardón. Os resultados finais –coas puntuacións obtidas por cada unha das persoas finalistas- coñeceranse o vindeiro 10 de xaneiro de 2020.

“Para min, chegar ata aquí é máis que un soño feito realidade. Nunca imaxinei que podería optar aos Premios Educa Abanca”, confesa Ariana Álvarez. A súa candidatura foi presentada polas nais e pais dos 18 alumnos e alumnas da Escola Unitaria de Sergude, integrada no CRA Boqueixón-Vedra Xosé Neira Vilas. “Foi toda unha sorpresa… Un xeito que elas e eles teñen de me amosar o seu cariño. Este é o mellor regalo do mundo”, afirma.

Xa só por chegar á fase de finalista, Ariana Álvarez recibirá un diploma acreditativo desta condición: “Ser unha das dez persoas escollidas para este premio xa é máis que un logro para min. Só teño verbas de agradecemento aos pais e nais da Escola Unitaria de Sergude”.

Ariana Álvarez é titora da Escola Unitaria de Sergude dende hai seis anos, tras ter exercido como profesora en distintos Centros de Educación Infantil e Primaria. “Dar o salto á escola rural supuxo para min todo un reto, pero non o mudaría por nada do mundo”, conclúe, ao tempo que valora moi positivamente a calidade da educación que se imparte neste tipo de escolas, dada a riqueza que se acada en grupos tan heteroxéneos como os que ela coordina.

Na actualidade, ten 18 escolares ao seu cargo con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos. “É incrible ver como se axudan entre todos e todas e como van aprendendo de xeito implícito entre o grupo”, explica Ariana Álvarez, quen tamén salienta “o excelente traballo en equipo” que se desenvolve dende o propio CRA Boqueixón-Vedra Xosé Neira Vilas.

Só cinco representantes de Galicia

Representando a Galicia, son 5 os e as profesionais que quedaron de finalistas noutras categorías. Así, ademais de Ariana Álvarez na sección de Infantil, na de Educación Primaria atópase Alicia Tojeiro, do CEIP Isidro Parga Pondal de Santa Cruz; na de Secundaria e Bacharelato, alicia Romeiro, do IES Lamas de Abade de Santiago, e na de docencia universitaria, Alexandre Sotelino, da Universidade de Santiago de Compostela, e Víctor Arufe, da Universidade da Coruña.

Os Premios Educa Abanca teñen como principal obxectivo é visibilizar as boas prácticas docentes na sociedade. Ao mesmo tempo, estes galardóns serven de voz para o alumnado, sendo eles e elas as persoas encargadas de presentar as candidaturas.